A cooperativa cultural Nave de Lata nace a principios do 2023 como espazo de creación e laboratorio de ideas, impulsada por persoas cun xa longo percorrido na xestión cultural. Adicámonos principalmente á música ao vivo, mais sempre en diálogo con outras disciplinas artísticas, procurando a colaboración e o intercambio con profesionais doutros ámbitos que tamén entenden a cultura como chave transformadora.

Nave de Lata é tamén a casa de Luneda Producións, axencia adicada ao booking, a produción e a programación de eventos musicais. A través desta marca, especializámonos na música tradicional e folk, nas músicas do mundo e no jazz, abríndonos cara outros estilos e cara outras tendencias. Traballamos dun xeito consciente na defensa da lingua e cultura propia dos pobos, na recuperación da memoria e na posta en valor do patrimonio inmaterial, desde unha óptica contemporánea, feminista e sostible.

Apoiamos os procesos creativos, a experimentación artística e a formación na profesionalización, promovendo espazos de encontro e acompañamento. Pensamos, deseñamos, producimos e comunicamos eventos singulares, programacións a medida para institucións, marcas ou empresas. Escoitamos, aprendemos e xestionamos. Colaboramos?

Podes atopar información sobre os proxectos nos que estamos a traballar visitando tamén a web de Luneda.